Visualizacións de páxina totais

martes, 18 de xaneiro de 2022

Visita á exposición de arte solidaria


Unha galería de arte ou museo de arte é un espazo para a exhibición e promoción da arte , en especial da arte visual, e principalmente pintura e escultura, de forma similar a un museo.

As galerías de arte contemporánea realizan dúas clases de mostras: individuais e colectivas. Nas individuais os traballos dun só artista son exhibidas ao público. Nas colectivas, varios artistas presentan á vez un ou varios dos seus traballos segundo o tamaño da galería.

A exposición que imos visitar na Casa da Cultura de Pontedeume é de tipo colectivo xa que se expoñen cadros de distintos autores. Moitos dos artistas teñen algún vínculo coa síndrome “Angelman”. A temática desta exposición xira encol desta síndrome.

A síndrome de Angelman é un trastorno neurolóxico, de orixe xenética. A idade máis común de diagnóstico está entre os 2 e os 5 anos. Padéceno 1 de cada 15.000 nenos.

Algunhas das características son:

Atraso no desenvolvemento, do movemento e do equilibrio.

Son nenos que presentan unha risa ou sorriso frecuente.

Problemas na fala.

Pode presentar crise convulsivas (epilepsia).


Na exposición veremos unha vintena de obras, 3 delas son fotografías o resto pinturas utilizando diferentes técnicas. 

Cada un dos cadros ten a un dos seus lados unha ficha técnica sobre a obra, este debe  incluír: 

Nome do autor ou autora.

Título da obra.

Técnica utilizada no cadro.

Tamaño

Ano en que se realizou.


Para observar unha exposición dunha forma adecuada, deberemos cumprir uns requisitos:



Non ter présa, dedicarlle un intre a observar o cadro, mesmo desde distintas distancias e ángulos.

Recoméndase manter unha distancia prudencial coas obras de arte.

Reflexionar sobre o que nos fai sentir cada cadro.

Ler as cartelas e os folletos, pódennos dar pistas útiles para entender ou gozar todo o que nos ofrece o artista. 

Levar un caderno para apuntar todo o que nos chame a atención.

"Eu creo que un mira os cadros coa esperanza de descubrir un segredo. Non un segredo sobre a arte, senón sobre a vida. E si o descobres, seguirá sendo un segredo, porque despois de todo, non se pode traducir a palabras. Coas palabras o único que se pode facer é trazar a man, un tosco mapa para chegar ao segredo"

John Berguer. 

Agardamos pasar unha boa mañá e que a mostra sexa do voso gusto e así poder coñecer xunt@s outras exposicións de arte!



Ningún comentario:

Publicar un comentario