Visualizacións de páxina totais

venres, 18 de marzo de 2022

Día da Árbore

 Co obxectivo de concienciar  sobre a importancia que teñen as árbores para a biodiversidade do planeta e a necesidade de protexer os bosques e superficies arboradas convídannos dende o Concello a participar na súa celebración do Día da Árbore.

Na Praza do Conde axudaremos a plantar Acacias de bola e Salgueiros choróns.

Premede nas imaxes para informarvos sobre estas árbores ornamentais.

 
 
 

 

Bonito día, xenial a participación e a organización. Parabéns a Eliseo pola súa explicación tan entretida como didáctica!

xoves, 17 de marzo de 2022

Ola poesía, benvida primavera


Hoxe, para conmemorar o Día da Poesía,  presentamos a través do noso blog as poesías elaboradas por vós, nenas e nenos  de sexto.

No primeiro trimestre achegámonos ao século XIX, á pintura  impresionista, ao  seu tratamento da luz e da cor e ás diferentes visións do mundo vexetal con catro autores Monet, Klimt, Pissarro e Sargent e en catro das súas obras: “O almorzo”, “A árbore da vida”, “ Os castiñeiros de Louveciennes” e  “Caravel, lirio e rosa”. 

Logo de realizar unha ficha técnica de cada cadro,  observamos as características da época e coñecer  o autor e a súa obra , estudamos as cores cálidas e frías e as diferentes percepcións dunha mesma realidade variando a cor. A continuación unindo a pintura coa literatura redactamos textos narrativos e textos líricos

E que mellor data para dar a coñecer as vosas rimas que o Día da Poesía!!

Aquí queda a videomontaxe. Os caderniños que recollen o produto final desta actividade estarán na biblioteca para que todos poidamos ver o traballo realizado.



Parabéns!

Na "Hora de ler" hoxe o protagonista será Ramiro Fonte e o libro de poesía que da nome á nosa biblioteca "O Xardín do Pasatempo". Este é o seu único libro dentro da que chamamos literatura infantil e xuvenil. Un libro de poemas concibido para lectores de 10 a 12 anos e que nos fala da súa infancia na nosa vila.

  Se premedes na imaxe saberedes moito máis sobre o contido e a estrutura deste libro grazas a un artigo na revista eumesa "Cátedra".



Na "Hora de ler" ademais de escoitar varios poemás deste libro na voz das titoras, hoxe queremos presentarvos estoutro que Ramiro escribiu  sobre os nenos europeos que viviron nas posguerras do século pasado e que agora está tristemente de actualidad.

Os nenos de Europa

Estes nenos que xogan ó balón
Xunto ás mortas ruinas dunha casa
Bombardeada;
Alleos á convulsa paisaxe que os circunda,
Ignorantes do que pasou na guerra,
Son os nenos de Europa.

Estes nenos que xulgan, con ledicia,
A perfección do branco trasatlántico
Que aparece no porto,
Porque non saben o que significan
Certas palabras
Como lonxe, decenios ou periplos,
Son os nenos de Europa.

Estes nenos que amosan
As cifras tatuadas nos seus brazos;
Viúvos para sempre da tristura
Porque eles xa cruzaron a fronteira
Das terras habitadas soamente
Polos desesperados, e volveron
Nos lentos trens,
Son os nenos de Europa.

Estes nenos que xogan
Ás escondidas,
Entre as tumbas sen nomes
Dun frío camposanto suburbial
E, cando cae a noite,
Regresan fatigados ás súas casas
E despois se acubillan nun cuarto de madeira
E non queren manchar
A almofada de lágrimas, tamén
Son os nenos de Europa.

Ningún outro país puideron darnos,
Ningún máis verdadeiro
Nin menos doloroso recibimos;

Durmimos e soñamos
Sobre a mesma almofada que eles foron tecendo
Con ese fío escuro dos seus soños.

Tódalas noites
Conciliamos o sono
Sobre o tremor do mundo,
Sobre vellos temores aceptados.

Somos os fillos raros deses nenos.


(1997 "Mínima moralidade"  R. FONTE)
 
Este poema é a historia dunha imaxe tráxica, a que nos proporcionan os nenos de Europa, da Europa dos anos posteriorees á Guerra Civil ou da II Guerra Mundial no pasado século e  que agora fainos pensar cos nenos e nenas de Ucraina.

Téxtiles artísticos

A comezos do vindeiro mes visitaremos na Coruña a Fundación Barrié. A Fundación Barrié trae a España “Téxtiles de artistas”. 
E a nós vennos xenial para seguir profundizando na arte do século XX. A pintura deste século comezámola a ver con Klint, e o modernismo;  e Miró e o surrealismo. Temén viramos a abstracción xeométrica cando fixemos a árbore de nadal.


Para poder visitar esta exposición sobre a ARTE no S. XX imos primeiro a coñecer o contexto histórico destes artistas.
Comecemos por lembrar as etapas da historia, tedes un bo resumo nesta imaxe, moito lembraraos o traballado o curso pasado.



O século XX forma parte da Idade Contemporánea. Centrémonos no século no que viviron os artistas que teñen unha pequena parte da súa obra na exposición. Un tempo convulso e cun gran desenvolvemento económico e cultural a pesares de estar cheo de guerras. Veredes neste vídeo que tempo tan frenético!




E este  da historia de España no mesmo tempo:







 
 
Agora unha visión da pintura do XX desde o impresionismo que xa coñecemos:
 
 




Observaremos a relación entre a  pintura e a moda, visitando esta mostra que chega por primeira vez ao noso país.
Aquí vos deixamos información achegada dende as páxinas dos xornais e da fundación. Se premedes nas ligazóns poderedes informarvos sobre os movementos artísticos e sobre os pintores que imos coñecer nesta visita.






A exposición ofrece un percorrido por a historia da arte do século  XX a través de exclusivos tecidos deseñador por Picasso, Miró, Sonia  Delaunay, Bárbara  Hepworth, Andy  Warhol, Salvador DalíHenri Matisse ou Alexander  Calder, entre outros. 
Trátase dun total de 113 pezas téxtiles xunto a material documental que presenta unha panorámica de os tecidos de Gran Bretaña, Estados Unidos ou Europa no século  XX. Durante a especial viaxe que se ofrece por este mundo, pódense ver dous vestidos que nunca foran exhibido antes e que foron creados por  Warhol, o máximo expoñente do pop art. Foron descubertos por coleccionistas e o seu colorido estampado está inspirado nos xeados de a xeadería  Serendipity de Nova York.



Achegarannos a  través de tecidos deseñados por artistas de primeira liña, aos principais movementos artísticos:  fauvismo, cubismo, abstracción, surrealismo e pop art

Mediante o uso de recursos tecnolóxicos como a Realidade Aumentada ( RA) os participantes poderemos explorar a exposición de maneira distinta e gozar dun proceso de aprendizaxe interactiva enriquecedora. 






Grazas ao uso das tecnoloxías poderemos utilizar a nosa capacidade creativa para  interpretar as diferentes obras. Así mesmo, analizar e coñecer a través dos tecidos diferentes movementos artísticos da historia da arte do século  XX como o Modernismo, o Surrealismo ou o Pop Art. 



Aproveitaremos esta visita para observar unha escultura de Asorey. Entre os escultores do século XX galego destaca Asorey pola influencia que tivo entre os seus contemporáneos e entre creadores posteriores Francisco Asorey. O artista nado en Cambados o 4 de marzo de 1889 e falecido en Compostela en 1961 (os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres) está considerado como un dos creadores que máis importancia tiveron na renovación da escultura española no século  XX. Ademais, deixounos un importante legado artístico que nos permite seguir a súa pegada por boa parte de Galicia e descubrir a un bo puñado de personalidades.
Veremos o Monumento a Curros Enriquez. Curros  foi un poeta e xornalista galego do século XIX, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Premede na imaxe para saber máis sobre o monumento.


Tamén verciño ao edificio da Fundación Barrié está o edificio do Banco Pastor, importantísima obra da arquitectura do século XX galego. O seu autor, Antonio Tenreiro ademais estivo moi unido á nosa vila, a súa familia era a propietaria da fábrica de curtidos onde agora está o noso cole.

O Edificio do Banco Pastor é unha construción monumental de 1925 deseñada polos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés no Cantón Pequeno da Coruña para sede do Banco Pastor. Foi o edificio máis alto de España ata a construción da sede de Telefónica na Gran Vía de Madrid en 1929.

Entra para saber máis!

A continuación podes informarte sobre as diferentes estatuas que hai nos xardíns de Méndez Núñez que imos visitar para ver a escultura do século XX e XXI.


Preme na imaxe!
Aquí tedes esta videomontaxe para o recordo dunhas mañás ben aproveitadas. Parabéns!

mércores, 16 de marzo de 2022

Andrea Maceiras falounos da "Folla azul"

Vimos de rematar o Club de Lectura co encontro coa escritora do libro que achegounos á selva amazónica, ás súas tribos e aos problemas medioambientais.

Biografía da autora.

 Ao comezo do club informámonos  sobre a autora do libro, Andrea Maceiras, e tamén do que era nos quixo transmitir co seu libro " A folla azul". Ademais tivemos información sobre o ambiente no que se desenvolve a obra, no que nos  mergullamos semana tras semana dende xaneiro ata onte.

Fixemos lectura en alto, repartímonos as personaxes do libro para facer lecturas dramatizadas, reflexionamos sobre o contido, elaboramos as nosas propias ilustracións...E por fin chegamos ao final do libro con opinións enfrontadas sobre o tipo de desenlace escollido pola autora.

Preme e escoita o que nos di a autora sobre o libro.

Como colofón ao club tivemos unha xornada coa autora onde ela aportounos o por que e o como do seu libro e detalles previos á escrita do texto así como a posibilidade dunha segunda parte . Tamén houbo tempo  para compartir as nosas reflexións e preguntarlle as nosas dúbidas.

Deixámosvos imaxes do encontro e conservamos tamén a información previa e máis recente da súa vida e obra.









E o seu último premio, a piques de saír do prelo!
 
Última obra!