Hoxe, para conmemorar o Día da Poesía, presentamos a través do noso blog as poesías elaboradas por vós, nenas e nenos de sexto.
No primeiro trimestre achegámonos ao século XIX, á pintura impresionista, ao seu tratamento da luz e da cor e ás diferentes visións do mundo vexetal con catro autores Monet, Klimt, Pissarro e Sargent e en catro das súas obras: “O almorzo”, “A árbore da vida”, “ Os castiñeiros de Louveciennes” e “Caravel, lirio e rosa”.
Logo de realizar unha ficha técnica de cada cadro, observamos as características da época e coñecer o autor e a súa obra , estudamos as cores cálidas e frías e as diferentes percepcións dunha mesma realidade variando a cor. A continuación unindo a pintura coa literatura redactamos textos narrativos e textos líricos.
E que mellor data para dar a coñecer as vosas rimas que o Día da Poesía!!
Aquí queda a videomontaxe. Os caderniños que recollen o produto final desta actividade estarán na biblioteca para que todos poidamos ver o traballo realizado.
Parabéns!
Na "Hora de ler" hoxe o protagonista será Ramiro Fonte e o libro de poesía que da nome á nosa biblioteca "O Xardín do Pasatempo". Este é o seu único libro dentro da que chamamos literatura infantil e xuvenil. Un libro de poemas concibido para lectores de 10 a 12 anos e que nos fala da súa infancia na nosa vila.
Se premedes na imaxe saberedes moito máis sobre o contido e a estrutura deste libro grazas a un artigo na revista eumesa "Cátedra".
Na "Hora de ler" ademais de escoitar varios poemás deste libro na voz das titoras, hoxe queremos presentarvos estoutro que Ramiro escribiu sobre os nenos europeos que viviron nas posguerras do século pasado e que agora está tristemente de actualidad.
Os nenos de Europa
Estes nenos que xogan ó balón
Xunto ás mortas ruinas dunha casa
Bombardeada;
Alleos á convulsa paisaxe que os circunda,
Ignorantes do que pasou na guerra,
Son os nenos de Europa.
Estes nenos que xulgan, con ledicia,
A perfección do branco trasatlántico
Que aparece no porto,
Porque non saben o que significan
Certas palabras
Como lonxe, decenios ou periplos,
Son os nenos de Europa.
Estes nenos que amosan
As cifras tatuadas nos seus brazos;
Viúvos para sempre da tristura
Porque eles xa cruzaron a fronteira
Das terras habitadas soamente
Polos desesperados, e volveron
Nos lentos trens,
Son os nenos de Europa.
Estes nenos que xogan
Ás escondidas,
Entre as tumbas sen nomes
Dun frío camposanto suburbial
E, cando cae a noite,
Regresan fatigados ás súas casas
E despois se acubillan nun cuarto de madeira
E non queren manchar
A almofada de lágrimas, tamén
Son os nenos de Europa.
Ningún outro país puideron darnos,
Ningún máis verdadeiro
Nin menos doloroso recibimos;
Durmimos e soñamos
Sobre a mesma almofada que eles foron tecendo
Con ese fío escuro dos seus soños.
Tódalas noites
Conciliamos o sono
Sobre o tremor do mundo,
Sobre vellos temores aceptados.
Somos os fillos raros deses nenos.
(1997 "Mínima moralidade" R. FONTE)
Este poema é a historia dunha imaxe tráxica, a que nos proporcionan os nenos de Europa, da Europa dos anos posteriorees á Guerra Civil ou da II Guerra Mundial no pasado século e que agora fainos pensar cos nenos e nenas de Ucraina.
siuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu e seva car@io gracias a des pai
ResponderEliminar